Neste venres 19 de outubro de 2018, 1300 escolares de nove centros públicos de Vigo fixeron un "ABRAZO AO MONTE", nunha xornada mestura de festa, recordo e reivindicación medioambiental para o futuro (ver detalle da acción no seguinte ENLACE).
Tivo lugar nos montes da Sobreira e dos Pozos e realizouse en colaboración coa Comunidade de Montes de Valladares e con Montes de Vigo. No acto estiveron presentes o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Delegado Territorial de Educación, César Pérez Ares.
Os centros educativos participantes foron: CEIP Sobreira-Valadares, CEIP J. Alonso -Matamá, CEIP A Paz -Tintureira, CEIP Castelao -Navia, CEIP Igrexa Candeán, CEIP Eduardo Pondal, CEIP O Pombal, CEIP Escultor Acuña e o IES de Valadares. O lema da acción "abrazo ao monte" estivo acompañado por un logotipo creado por un dos participantes.
Plantación no Monte de Sobreira e abrazo ao monte en Monte dos Pozos.
Un dos epicentros dos lumes de outono de 2017 tivo lugar a carón do CEIP Sobreira-Valadares e do IES de Valadares. Por tal motivo, diante destes centros tivo lugar a primeira parte do acto, cunha plantación simbólica por parte de escolares de todas as idades. (ver vídeo do telexornal da TVG)
Como símbolo de lembranza desta plantación inaugurouse no monte da Sobreira un monolito representativo por parte das autoridades presentes.
Posteriormente o grupo de escolares trasladouse ata Monte dos Pozos onde tivo lugar o xesto de abrazar ao monte queimado e ler o manifesto do acto (ver texto), para berrar ao final o lema da campaña: "Eu son cortalumes"
Por parte da Comunidade de montes de Valladares fíxose unha solta de pombas como símbolo de que os montes volven a recobrar vida.
Finalmente, despois da merenda patrocinada por Gadis, tivo lugar o festival onde, da man do "home orchestra", cantáronse cancións e realizáronse bailles, podendo coñecer a historia do monte dos Pozos.
Seguimento da actividade
- Album resumo da actividade (PREMER)
- Video resumo da actividade (PREMER)
- Presenza en Televisión de Galicia (PREMER)
- Presenza no Faro de Vigo (PREMER)